A XUNTA FELICITA O EQUIPO DE REMO INCLUSIVO AMICOS-
CABO DA CRUZ POLOS SEUS ÉXITOS NO CAMPIONATO DE
ESPAÑA CELEBRADO EN CARTAXENA
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destaca que os membros
deste equipo son exemplo de superación, compañeirismo e ilusión
Boiro (A Coruña), 4 de marzo do 2026.- A conselleira de Política Social e Igualdade,
Fabiola García, felicitou esta mañá o equipo de remo inclusivo Amicos–Cabo da Cruz
polos éxitos acadados no XXIV Campionato de España de Remoergómetro e no VIII Open
de España en Remo Indoor, celebrados a pasada fin de semana en Cartaxena. Fabiola
García situou aos membros do equipo como exemplo de superación, compañeirismo e
ilusión e puxo en valor o traballo desenvolvido por todos os seus membros ao longo do
campionato situando a Galicia como referente do deporte adaptado.
Na súa intervención, a conselleira fixo mención tamén aos galardoados: Macarena
Fernández, Ramiro Lueiro, Carolina Castro e Adrián Iglesias, ao tempo que destacou o
traballo do adestrador, Gustavo Vázquez. Neste sentido, agradeceu o bo facer de todo o
equipo de remo inclusivo Amicos- Cabo da Cruz e a súa representación de todos os
deportistas da comunidade. Por iso, destacou a súa clasificación para o campionato
mundial, levando a Galicia ao máis alto. Así mesmo, animounos a continuar remando coa
mesma ilusión e amosouse convencida de que, co tesón que demostran, poderán
conseguir todo o que se propoñan no deporte e en calquera ámbito das súas vidas.
Fabiola García estendeu a súa felicitación a Amicos, por ser unha entidade de referencia
no só no ámbito dos coidados, tamén a nivel da integración das persoas con
discapacidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario